Cada vez resulta máis habitual encontrar a profesionais que desenvolven a súa actividade de forma íntegra ou parcial dende o seu domicilio, que ademais dun aforro económico e de tempo permite unha maior flexibilidade na organización das actividades.
Esta alteración nos hábitos de vida require tamén unha resposta dende outros planos como poden ser o dos espazos e o do equipamento doméstico, esixindo entornos flexibles, capaces de adaptarse ás diferentes accións que se van sucedendo ao longo do día nun mesmo lugar.
A tradicional diferenciación entre mobiliario doméstico e de oficina comeza a non estar tan clara, xurdindo pezas capaces de convivir en diferentes ambientes, tanto no plano funcional como nos códigos máis formais e expresivos.
Lusi nace coa intención de aunar a calidez e proximidade do mobiliario doméstico e a limpeza e pragmatismo das solucións de oficina, esta vocación por acurtar distancias foi unha constante en todo o proceso de deseño.
Constrúese a partires dunha sinxela estrutura de madeira maciza de cedro sobre a que se apoia un taboleiro contrachapado melamínico. A estrutura emprega unha linguaxe de culto ao material e ao oficio, mentres que a superficie faino nun tono máis sobrio e contido, vinculado á funcionalidade e a durabilidade.